Thursday 25 de April de 2024

O Concello de Moeche tramita 849 alegacións aos parques eólicos que lle afectarían ao municipio


Moeche rexeita de maneira masiva os proxectos eólicos planificados para o seu territorio. Así o constata a presentación de 849 alegacións a través do rexistro municipal -máis as que puideron entrar directamente na sede electrónica da Subdelegación do Goberno-, gracias aos modelos facilitados polo Concello e, sobre todo, ao labor de difusión de información e asesoramento desenvolvido tanto polo consistorio como polas entidades veciñais de San Xurxo, Labacengos e Balocos e pola Plataforma TEX (Transición Enerxética Xusta) contraria á instalación de macroeólicos no municipio.

A oposición aos actuais proxectos de parques planificados para Moeche xa quedara patente nos primeiros encontros informativos e nas xornadas de asesoramento xurídico ofrecidas polo Concello, que agora se viron ratificadas “cun número moi elevado de alegacións presentadas no Rexistro Xeral Municipal, dirixidas á área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno”, destaca a alcaldesa, Beatriz Bascoy.

A rexedora engade que o Concello, pola súa parte, tamén presentou este luns as súas alegacións específicas aos proxectos Moeche e Badulaque, promovidos por ENEL Green Power.

Os argumentos expostos nos escritos para rexeitar ambos proxectos baséanse “na localización de aeroxeradores fóra do ámbito das ADEs do Plan Sectorial Eólico de Galicia e na complexidade técnica e xurídica do procedemento, que dificulta a comprensión das repercusións do proxecto e que a veciñanza, nunha posición máis feble con respecto á empresa e a Administración, poida defender os seus dereitos” explica Bascoy apuntando como “fundamental” a información facilitada polo Concello e as entidades.

Os alegatos rexistrados polo Concello como institución inciden, ademais, na consideración do parque eólico Moeche como “un proxecto estritamente mercantil, sen retornos socioeconómicos para o territorio que compensen o seu impacto” resume a alcaldesa.

Apúntanse tamén “os prexuízos derivados da súa execución” e, nomeadamente, “a colisión frontal do proxecto cos obxectivos da Estratexia da UE sobre a biodiversidade, na concorrencia de fragmentación artificial -Moeche forma parte dun conxunto de seis parques que funcionarían como un só-, así como nas afeccións medioambientais, a situación de muíños preto de vivendas ou nos posibles impactos do proxecto sobre o patrimonio cultural e incluso sobre a candidatura do Xeoparque do Cabo Ortegal”.

O relatorio de circunstancias contrarias ao proxecto complétase co dato de que na documentación non se inclúe o parcelario de terreos afectados nin os efectos que tería a implantación do parque sobre a produción forestal e agrogandeira.

Alegacións ao proxecto Nordés

Este luns rematou o prazo de alegacións aos proxectos Moeche e Badulaque, pero aínda segue aberto até o 6 de outubro o período para achegar escritos para o proxecto Nordés, promovido por Greenalia Wind Power.

O pasado 25 de agosto publicouse no BOP o Anuncio da Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia de información pública do Estudo de Impacto Ambiental e solicitude de Autorización Administrativa Previa tanto para este parque como para o proxecto Mistral (en Xermade, Guitiriz e Vilalba), dándo un prazo de 30 días habiles a contar desde o día seguinte da publicación.

Desde o Concello infórmase que a partir do luns 13 de setembro todas aquelas persoas que desexen presentar alegacións ao plan do Parque Eólico Nordés poden pasar recoller o modelo de alegación correspondente, que tamén se poderán descargar da web municipal.